Oli!
Veña, xa me poño, que non tedes todo o día para perder o tempo lendo introducións irrelevantes.
Esta web estame axudando a volver usar axenda, que me fai moita falta. É o que vedes, un calendario semanal no que podes escribir tarefas en cada día que vas riscando. Facilísimo de usar, intuitivo e podes usalo tanto no ordenador como no móbil. Vénme moi ben porque ás veces quero anotar cousas no móbil, especialmente do traballo, cando estou fóra da casa e non me gusta nada o calendario de Google. Con isto podo ter todo escrito no mesmo sitio e con moita facilidade.
Ademais, o formato é de lista de tarefas, que é o que me funciona, máis que o estilo de bloquear por horas. Non me gusta delimitar demasiado as horas porque se non as cumpro faime sentir frustrada, prefiro as listas abertas.
Un irrigador bucal
Comprei un cacharro destes porque tiven brackets e teño aínda os retenedores arriba e embaixo, e teño que confesar que non usaba a seda dental tanto como debería (perdón por ser unha puta guarra). A seda resúltame moi desagradable, porque non me gusta a sensación que dá cando tocas nas enxivas e diría que case teño dor. O irrigador bucal fai máis ou menos a mesma función que a seda, pero a sensación é infinitamente máis agradable. Dá moita sensación de limpeza, aínda que ás veces apeste cando o usas (perdón outra vez por ser unha guarra, dá noxo e alivio ao mesmo tempo).
O cacharro que uso eu é un portátil, portátil se es Shaquille O’Neal, porque é xigante, pero non é tan grande como a maioría.

Trae mil accesorios, pero eu só uso o segundo da segunda fila, o máis finiño. Enches o depósito con auga, se queres podes poñerlle tamén algún tipo de colutorio bucal, e enchufas a trangallada esa no espazo entre os dentes. Non sei como puiden estar tanto tempo vivindo sen isto.
Project pan (acabar a trangallada que tes na casa antes de comprar máis)

Creo que esta newsletter ás veces é un pouco oda ao consumismo, porque recomendo moitas cousas novas para comprar. Sempre fun unha persoa frugal; ía de compras dúas veces ao ano: unha en inverno e unha en verán, pero levo un par de anos que, non sei se porque sucumbín un pouco ao capitalismo tardío ou porque me vexo con máis orzamento, acabo comprando máis e con máis frecuencia. As miñas compras adoitan ser pensadas, non compro moito por impulso, pero si que é verdade que compro máis.
Este ano propúxenme facer un project pan, que vén sendo acabar todos os produtos/maquillaxe que teño na casa antes de comprar outros, porque ás veces véxome con tres xampús abertos na ducha e penso: “Reina, quen te cres que es, Llongueras? Non necesitas tres xampús distintos abertos ao mesmo tempo”. Decidín facelo tamén porque teño maquillaxe e produtos para a cara e o pelo que me gustan e que ao final acabo relegando ao fondo do caixón non porque non me gusten, senón porque o novo sempre substitúe o anterior. Este ano, como norma xeral, quero gozar do que teño, aprecialo e aproveitalo mentres dure, tanto materialmente como persoalmente :)
O desinfectante téxtil de Sanytol
Non sei vós, amigas, pero eu son unha Sanytol enjoyer. O olor a Sanytol paréceme o cumio da limpeza, a desinfección máis absoluta, a pulcritude que busco na miña vida. Como o ano pasado empecei a facer moito deporte (e un dato sobre min é que súo como un bicho), tiña que acabar lavando a roupa dúas veces seguido porque ulía mal: entre a humidade da Coruña, que aínda con deshumidificador non che dá secado a roupa, e o cheiro a suor da roupa de deporte, todo cheiraba a sumidoiro. Non uso suavizante, porque estraga moito a roupa, e non sabía que facer para quitar ese cheiro horrible a suor. Pregunteille á miña amiga Alba, a miña referencia en canto a fogar e limpeza, e recomendoume o desinfectante este de Sanytol. Ponse no caixón do suavizante, pero non estraga a roupa, quítalle ese olor nauseabundo e, ademais, ule a Sanytol. Simplemente a miña vida cambiou desde que uso isto; se facedes moito deporte e apestades coma min, probádeo, en serio.
Unha manta con peso
Estou escribindo isto o venres pola mañá porque me chegou esta manta onte. Levaba xa como un ano pensando en comprar unha manta con peso, porque a min encántame o peso para durmir, pero ao meu ex Elías non lle gustaba nada, daquela sempre me cortei e non insistín. Este Nadal, falando con Maru, díxome que unha tía dela a usaba e que era a hostia, que se durmía moitísimo mellor e que daba moito gustiño, así que me animei a buscala. Non a comprei porque non a había en ningún lado e, as que había, eran carísimas (carísimas estilo 200 pavos ou máis xd). Por casualidade, vendo cousas de casa en Shein (perdón por comprar en Shein, sei que non está ben, pero menos de cinco contradicións é dogmatismo), vin esta de prezo decente e animeime a comprala. Que gustiño! É como se te estivesen abrazando! Que sensación de paz! Encántame. Se vos gusta o peso ao durmir, anímovos 100%.
E xa estaría! Que vos parece? Que opinades sobre estas cousas? Coñeciades algunha? Estades a favor/en contra? Queredes botarme a bronca por calquera motivo? Calquera cousa que spark conversation sérveme.
Unha aperta grande,