Oli!
Non teño moito que contar de introdución, a verdade, procedo directamente ás recomendacións, que non estamos para perder o tempo!
Sponge, unha aplicación para borrar fotos
Se sodes uns abandonados coma min e sempre queredes borrar as fotos que non serven para nada no móbil pero dávos preguiza, aquí tedes solución. Esta aplicación agrúpache as fotos por meses e anos e vaichas ensinando para que pases o dedo cara á dereita ou á esquerda en función de se queres gardar a foto ou non (tipo Tinder). Por fin borrei toda a trapallada que tiña no móbil grazas a isto. É gratuíta e haina para Android, a verdade é que non sei se a hai para iOS, pero espero que si :D
María José Llergo é unha cantante andaluza que, salvando as distancias, fai un estilo Rosalía en El Mal Querer pero moito máis tradicional, música con maior inspiración flamenca, pero tamén con sons actuais. Agora mesmo estouna escoitando moito, pero en xeral son moi fan das músicas tradicionais (de aquí, de outros países, etc.). Para min, as tradicións son algo moi importante porque me axudan a desprenderme deste individualismo tan heavy que vivimos hoxe en día e faime pensar en por que facemos o que facemos, de onde vén, que sentido ten, honrar o noso pasado, que é o que nos trouxo ó presente, e que moitas veces desprestixiamos, desdeñamos e dámos de lado (de feito, Rodrigo Cuevas fala moi ben disto nunha entrega de premios, é un vídeo de menos de dous minutos). Considero que facer música tradicional é reivindicar o que sempre se tratou de deostar, polo que me gusta moito que agora mesmo a tradición volva a estar “de moda” e presente na vida contemporánea. Eu non esquezo que eu son porque outros foron antes.
Son fan acérrima dos sudokus desde sempre, pero as aplicacións normais teñen como un algoritmo (non sei se é iso ou que é) moi predicible. Unha vez que fas un, sabes facelos todos, e os de superdificultade non me levan máis de 10 minutos porque teño xa o patrón moi interiorizado. Os mellores sudokus gratis son os do New York Times, porque non son todos completamente iguais, pero se buscades un reto, esta canle é para vós.
Basicamente, esta canle de YouTube consiste en dous señores de 50 e pico anos, británicos, e que son como a hostia en canto a puzzles, sudokus, encrucillados, etc. Soben un vídeo diario cada un desde hai unha pila de tempo resolvendo sudokus dificilísimos e con moitas normas adicionais ademais das típicas clásicas dos sudokus. Eu aprendín moitísimo véndoos. Eles resólvenos en 40 minutos ou así, pero eu cando me puxen nunca fixen ningún en menos de dúas horas. É algo bastante aleatorio e de nicho para recomendar, pero para min son unha fantasía.
Especial de comedia (!??) Inside, de Bo Burnham (Netflix)
Vou tardísimo con isto, é de 2021 e tédelo en Netflix. Basicamente, é un minimusical de unha hora máis ou menos protagonizado e feito por Bo Burnham durante a pandemia. Nel relata a súa traxectoria vital como cómico, artista, e relacionándoo bastante coa súa saúde mental. A comedia está, pero é todo tan escuro e unha historia tan tráxica que eu non cualificaría isto de comedia, pero cada uno con sus cadaunadas.
Para min, unha xenialidade, escoito o disco de Inside como mínimo unha vez á semana porque todo me parece impresionante, a música, as letras, a ironía, TODO!
Non vou facer spoiler, só vos deixo as dúas cancións que máis me gustaron do musical, Look who’s inside again e That funny feeling.
That unapparent summer air in early fall, the quiet comprehending of the ending of it all.
A BBC interrompendo a emisión na radio para anunciar a morte do prince Phillip
Simplemente, para min, o momento máis icónico da BBC. Drop that, Duke of Edinbrugh!
E xa estaría! Que vos parece? Que opinades sobre estas cousas? Coñeciades algunha? Estades a favor/en contra? Queredes botarme a bronca por calquera motivo? Calquera cousa que spark conversation sérveme.
Unha aperta grande,